Somos

observando-e1497517297589.jpg

 

O río levaba os ollos
ailalalo
pechados de carnes verdes,
de nenos rindo pechados.

O río levaba os ollos
ailalalo
soñando brinquedos brancos,
nenos despertos soñando.

O río levaba os ollos
ailalalo
cantando rotos de neve
Nenos lixeiros cantando.

O río levaba os ollos
ailalalo
cortando sombras furtivas
de nenos furtos cortando.

O río levaba os ollos!

en Cantiga nova que se chama riveira, de Álvaro Cunqueiro, 1933.

Que é escola no río?

Escola no Río é unha iniciativa dun grupo de profesionais da educación relacionados co Centro Integrado de Formación Profesional Portovello (Ourense),

inspirada nos ollos abertos e transparentes das augas do Lonia

e na tradición mais renovadora e transformadora da pedagoxía socioconstrutivista.

“a escola no río está pensada primeiramente para a formación inicial de profesionais dos servizos á comunidade: técnic@s de Educación infantil, técnic@s de Animación sociocultural e turística, técnic@s de Integración social e técnic@s en Atención a persoas en situación de dependencia; a través da investigación, exploración, experimentación e avaliación, en contacto directo coa natureza”

Pero a Escola no Río procura ser algo mais: unha semente que utiliza a natureza como dinamizador comunitario, xerando espazos de reflexión sostíbel e recursos para a educación ambiental e a recuperación do patrimonio.

A oportunidade de participar no Proxecto Ríos, no marco do Plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coordinado pola asociación ecoloxista ADEGA, permitiunos afondar en propostas pedagóxicas relacionadas coa natureza, a innovación e a creatividade.

Cando comezamos a mergullármonos nas posibilidades educativas do río e a súa ribeira decidimos abrir un proceso de reflexión que nos guiara cara unha transformación dos procesos educativos que se desenvolven nas nosas aulas.

Emprendemos un camiño sen marcha atrás. O traballo transmodular é o alicerce deste proxecto propio, ligado ás do bosque do centro e norte de Europa, que traslada os materiais xenerados nun centro educativo a un formato dixital que os universaliza.

A Escola no Río está en permanente construción. Profesionais dos servizos á comunidade, estudantado, profesorado e investigador@s teñen aquí un espazo no que poder expoñer as súas propostas de acción educativa relacionadas co medio natural, sendo sempre referenciad@s na propia web. Na medida en que as achegas sexan maiores o proxecto terá mais alcance e relevancia.

O río Lonia e todo o seu ecosistema permítenos unha “biomímese” particular, nun entorno urbano privilexiado, ben perto do centro da cidade de Ourense.

(…)

 ¡E cántas veces áxil e xogoral

corrín nas túas alturas de inxel verdor

e desde a cima dunha lomba

me descolguei como folla ao vento!

Quedaban os carballos detrás de min;

as xestas espreitaban o meu pasar.

e o Loña de íntimas orelas

beixos me daba cos seus amieiros.

en O poema dos lustros, de Millán Picouto, 1983

Advertisements